05 outubro 2006

a forma máis perfecta de literatura

A forma máis perfecta de literatura non é autoconsciente.

A forma máis perfecta de literatura debe ser unha melodía apoiada en ritmos cuxos compases poden durar meio minuto, unha canción que non queira parar o tempo, que non queira ser reproducida, só cantada nese preciso momento, unha forma de presente sen máis aspiración cá de ser ese punto no que se funde o pasado co futuro, un compás que non chegue nunca ao final. Algo que non acabe de ser bebop debe ser a forma más perfecta de literatura.
A literatura máis perfecta debe ser rápida, mais non tanto como o lume cando se alza, nin como a auga cando chove.
A forma máis perfecta de literatura debe ser a que non se relé, a que só se di, se escoita e se esquece. Aínda que se interrompa. Sobretodo porque se pode interromper.
A forma máis perfecta de literatura pode ser a que nunca cala, aínda que semelle que non di nada.
A perfección en literatura non só é nocturna. Tamén pode ser diúrna.
A forma máis perfecta de aquilo que se entende por literatura non adoita tomar a forma de aquilo que normalmente se entende por literatura.
A forma máis perfecta de literatura debe escribirse con infinitivos, como unha interminable tirallonga de infinitivos. Sen trampas, nin obstáculos, nin riscos. E sen puntos suspensivos...
A forma máis perfecta de literatura non debe rematar na derradeira páxina, igual que tampouco comezou na primeira. A forma máis perfecta de literatura non debe ter data. Talvez, nin autor. Respira de ventre, cíclicamente. Controla a respiración sen darse de conta, como fan os meniños coa hermenéutica.
A manifestación máis sublime de literatura non tomaría nunca a imperfecta forma dun blog.

3 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Paráfrase: "A manifestación máis sublime do amor non tomaría nunca a imperfecta forma dunha persoa [en concreto]".

11:51  
Anonymous Anónimo said...

A literatura non entende de formas e pousa en recunchos insospeitados, unha páxina en branco, unha ollada ou un anaco de rede...agora vexo que está pousada nun blog. Que as túas verbas nos acompañen, Dr. Reviratempos

23:49  
Anonymous Anónimo said...

A desnudez. Outra forma perfeta de literatura: a poesía a través dos meus olhos.

"Le plus vrai est poétique. Le plus vrai c'est la vie nue. Ce voir, je ne puis l'atteindre qu'à l'aide de l'écriture poétique. "Voir" le monde nu, c'est-à-dire presque é-nu-mérer le monde, je m'y applique avec l'oeil nu, obstiné, sans défense, de ma myopie. Et tout en regardant de très très près, je copie. Le monde écrit nu est poétique".

Hélène Cixous, Photos de Racines, Paris: Des Femmes, 1994

14:35  

Enviar um comentário

<< Home